Wednesday 08 de May de 2024

A Casa da Cultura de Lousame acolle este sábado a actividade “Manuel María, na túa voz”, unha lectura pública da obra do escritor


A iniciativa está aberta a todos os veciños e veciñas que desexen participar, tanto lendo como escoitando poesía, e contará cunha actuación especial a cargo de Tastarabás Teatro

A Casa da Cultura de Lousame acollerá este sábado 23 de abril, ás 12:00 horas, a actividade “Manuel María na túa voz”, unha iniciativa promovida pola Fundación Manuel María consistente na lectura pública da obra do poeta da Terra Chá na que poderán participar todos os veciños e veciñas que o desexen: ben lendo un texto, ben escoitando a quen o lea. De feito, as persoas interesadas en participar e dar lectura a algún dos poemas do autor a quen se lle adican as Letras Galegas deste ano poderán inscribirse o mesmo día na Casa da Cultura, en horario de 11:30 a 12:00 horas.

“Manuel María na túa voz” é unha iniciativa promovida pola Fundación Manuel María en colaboración co Concello de Lousame, a FEGAMP e Tastarabás Teatro, o grupo local de teatro afeccionado que fará unha pequena representación durante o acto, que terá unha duración aproximada de 40 minutos. Con esta lectura pública da obra de Manuel María, o Concello de Lousame pretende tamén conmemorar o Día Internacional do Libro, que se celebra o 23 de abril.